Información xeral

La ida

La ida
A vicepresidenta provincial Mariel Padín e a presidenta da Fundación Paideia, Rosalía Mera, fixeron entrega esta mañá dos diplomas aos participantes da cuarta promoción

 

 Os participantes da da cuarta promoción de ‘La ida’ recibiron esta mañá os diplomas acreditativos por participar neste programa de integración a través do intercambio transnacional. Recibiunos a vicepresidenta da Deputación, Mariel Padín, acompañada pola presidenta da Fundación Paideia, Rosalía Mera, e o director do programa, Guillermo Vergara.

 

‘La ida’ é unha actividade cofinanciada pola Deputación da Coruña e a Fundación Paideia co obxectivo de que mozos e mozas da provincia con dificultades de inclusión teñan a oportunidade de realizar prácticas en empresas doutro país veciño, neste caso, en Alemaña. Esta experiencia validarase co documento de mobilidade europeo “Europass”.

 

En total, doce mozos e mozas de entre 19 e 29 anos realizaron prácticas en empresas de Wernigerode entre o 14 de xullo e 28 de agosto. Á entrega de hoxe asistiron nove dos doce participantes, xa que tres deles están traballando. Todos eles traballaron en empresas relacionadas con sectores coma o deseño gráfico, a fundición, a xardinería, a xuventude, a fotografía, a carpintería ou a discapacidade, entre outros.

 

Despois de rematar as prácticas, algúns dos participantes atoparon traballo (dous en España e un en Alemaña) e outros volveron aos estudos que xa cursaban antes ou decidiron volver ás aulas para aumentar a súa formación en ciclos superiores.

 

A Deputación da Coruña financia con 17.000 euros este proxecto, unha achega que supón o 80% do orzamento total previsto para este fin.

 

A vicepresidenta, no acto de entrega dos diplomas, deu a benvida aos participantes do programa, facendo especial fincapé nos tres alumnos e outros tres ex-alumnos do IES Calvo Sotelo, o centro de formación dependente da Deputación da Coruña, para os que dixo que “estades na vosa casa”. Padín recordou que ela tamén tivo unha experiencia similar, xa que cando era nova tamén pasou unha tempada en Colonia, Alemaña.

 

Mariel Padín destacou a importancia da formación para o futuro dos máis novos. “Cando falo de formación non me refiro só a títulos e diplomas, senón a todas as experiencias que vos enriquezan e que vos permitan ter máis ferramentas para facer fronte a todos os retos que vos ides atopar no mundo laboral”, explicou a vicepresidenta.

 

25 anos de colaboración

 

Pola súa banda, Rosalía Mera agradeceu á Deputación a súa colaboración, “xa que é unha institución coa que levamos traballando 25 anos e sempre é capaz de ver a esencia dos proxectos tan importantes e oportunos coma este e prestar rápido a súa axuda”.

 

Unha das participantes, Silvia Cao, falou en nome de todos os seus compañeiros, agradecendo a oportunidade “non só de ver mundo, senón tamén de independizarnos e saber que somos capaces de valernos por nós mesmos”. “Por todo iso grazas a vós, non a nós”, dixo a participante.

 

Os doce participantes desta edición de La ida son: Alba Cambeiro (Carnota), Andrés Comojo (Rianxo), Francisco J. Olveira (A Pobra), Isidro Rey (Noia), Damián Sánchez (Boiro), David Vázquez (A Pobra), Yésica Fernández (Lousame), Silvia Cao (Lousame), Sonia Riádigos (Rois), José María Varela (Muros), Carlos Varela (Boiro) e Noelia Ventoso (Boiro).
programa de integración a través do intercambio transnacional

Galería de fotos