Coa validación dáse por superada ao alumnado solicitante unha parte ou partes de estudos oficiais que están a realizar tendo en conta a formación achegada e superada con anterioridade.
As solicitudes de validación de estudos cursados, ou por acreditación de unidades de competencia, con módulos profesionais dos ciclos formativos, requiren a matriculación previa do alumnado para continuar estudos nun centro docente autorizado para impartir estas ensinanzas, e presentaranse perante a dirección do centro educativo dentro dos PRIMEIROS 20 DÍAS CONTADOS DESDE O COMEZO DAS CLASES.
1) A SOLICITUDE de validación de módulos profesionais formalizarase no MODELO DE INSTANCIA establecido:
►GUÍA PARA SOLICITAR VALIDACIÓNS ENTRE MÓDULOS PROFESIONAIS DE TÍTULOS LOXSE E LOE
2) Fotocopia compulsada DNI da alumna ou alumno
3) Certificación académica oficial dos estudos cursados ou, se for o caso, do certificado de profesionalidade elaborado a partir do Catálogo nacional de cualificacións profesionais ou da acreditación parcial de unidades de competencia.
O alumnado que estea pendente de validación nalgún módulo profesional deberá asistir ás clases ata a presentación da resolución favorable desta.
OLLO! Non terán validez as resolucións de validación para o alumnado procedente de renuncia ou que causase baixa no curso académico de presentación da solicitude de validación.
Cada módulo profesional validado recollerase nos documentos académicos, aos efectos de cálculo da nota media do ciclo formativo de Formación Profesional, coa cualificación obtida polo solicitante no módulo profesional cursado que conste na documentación académica correspondente, segundo o artigo 3.3. do Real decreto 1085/2020, do 9 de decembro (BOE do 30 de decembro). Naqueles casos, nos que a validación esixa considerar máis dun módulo profesional, a cualificación final será o resultado do cálculo da media aritmética das cualificacións obtidas nos devanditos módulos, sendo unicamente de aplicación cando se acheguen módulos profesionais de formación profesional do sistema educativo (LOXSE e LOE).
Os módulos profesionais que sexan susceptibles de validación pola achega de estudos universitarios, por ter superados estudos anteriores á LOXSE ou por ter superadas unidades de competencia do Catálogo Nacional das Cualificacións, non levarán asinada ningunha puntuación, constando no expediente do alumnado como validado e non computarán aos efectos de cálculo da nota medio do ciclo formativo.
No BOE do 30/12/20, publicouse o Real decreto 1085/2020, do 9 de decembro, polo que se establecen validacións de módulos profesionais dos títulos de Formación Profesional do sistema educativo español e as medidas para a súa aplicación, e se modifica o Real decreto 1147/2011, do 29 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral da formación profesional do sistema educativo.
Importante: Este Real decreto derroga os anexos relativos ás validacións de módulos profesionais establecidos nos anexos dos reais decretos que regulan os títulos de Formación Profesional derivados da Lei orgánica 2//2006, do 2/2006, do 3 de maio, publicados con anterioridade ao 5 de marzo de 2017.
Así mesmo, quedan derrogadas a Orde do 20 de decembro de 2001, pola que se determinan validacións de estudos de formación profesional específica derivada da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de Ordenación Xeral do Sistema Educativo e a Orde ECD/2159/2014, do 7 de novembro, pola que se establecen validacións entre módulos profesionais de formación profesional do Sistema Educativo Español e medidas para a súa aplicación e se modifica a Orde do 20 de decembro de 2001, pola que se determinan validacións de estudos de formación profesional específica derivada da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de Ordenación Xeral do Sistema Educativo.
O alumnado matriculado en ciclos LOE poderá validar:
O alumnado matriculado en ciclos formativos dos títulos de formación profesional ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), poderá validar:
a) Os módulos profesionais que correspondan a partir de módulos superados de títulos da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE), de acordo co establecido no anexo II do Real decreto 1085/2020, do 9 de decembro, para aqueles títulos publicados anteriormente ao 5 de marzo de 2017.
b) Os módulos profesionais que posúan similares resultados de aprendizaxe, criterios de avaliación e contidos básicos, con independencia do ciclo no que se inclúa, a partir de módulos superados de títulos da Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, que están establecidos no anexo III do Real decreto 1085/2020, do 9 de decembro, para aqueles títulos publicados anteriormente ao 5 de marzo e 2017.
c) Os módulos profesionais que posúan similares resultados de aprendizaxe, criterios de avaliación e contidos básicos, con independencia do ciclo no que se inclúa, a partir de módulos superados de títulos da Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, que están establecidos no anexo IV do Real decreto 1085/2020, do 9 de decembro, para aqueles títulos publicados con posterioridade ao 5 de marzo e 2017.
d) O módulo profesional de Formación e orientación laboral, ou o módulo de Empresa e iniciativa emprendedora, de ter aprobado o mesmo módulo en calquera dos ciclos formativos correspondentes aos títulos establecidos ao abeiro da Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio.
e) O módulo de Formación e orientación laboral, sempre que se dea algunha das seguintes circunstancias:
1º. Se acredite ter superado o módulo profesional de Formación e orientación laboral establecido ao abeiro da Lei 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e se acredite a formación establecida para o desempeño das funcións de nivel básico da actividade preventiva, expedida de acordo co disposto no Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento dos servizos de prevención, con indicación expresa dos contidos superados. A data de finalización desta formación debe ser anterior á formalización da matrícula no módulo de Formación e orientación laboral.
2º. Se achegue o título de técnico superior en Prevención de Riscos Profesionais aprobado segundo a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.
3º. Se obtivese a acreditación de todas as unidades de competencia incluídas no título, mediante o procedemento establecido no Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral, se acredite, polo menos, un ano de experiencia laboral e se estea en posesión da acreditación da formación establecida para o desempeño das funcións de nivel básico da actividade preventiva, expedida de acordo co disposto no Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento dos servizos de prevención, con indicación expresa dos contidos superados. A data de finalización desta formación e da acreditación das unidades de competencia incluídas no título debe ser anterior á formalización da matrícula no módulo de Formación e orientación laboral.
f) Os módulos profesionais que se establecen na norma pola que se regula cada título, por ter acreditada algunha unidade de competencia que forme parte do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais obtida exclusivamente mediante o procedemento de avaliación e acreditación das competencias profesionais establecido no Real decreto 1224/2009 ou mediante certificados de profesionalidades elaborados a partir do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais. Non é posible a validación de módulos achegando unha unidade de competencia obtida pola superación de módulos profesionais do sistema educativo. Neste caso aplicarase a validación de módulos que corresponda.
O alumnado matriculado en ciclos LOXSE poderá validar os módulos profesionais que correspondan, logo da aplicación do disposto:
O alumnado matriculado en ciclos formativos de títulos de formación profesional establecidos pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE), poderá validar os módulos profesionais que correspondan, logo da aplicación do disposto:
a) No anexo I do Real decreto 1085/2020 de 9 de decembro.
b) O módulo profesional de Proxecto integrado de ciclos formativos de grao superior establecidos ao abeiro da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo é específico do ciclo formativo correspondente, polo que non será validable en ningún caso.
c) Cando se achegue calquera módulo de FOL (LOE) poderase validar con calquera módulo de FOL (LOXSE) de grao medio. Mentres que o módulo de FOL (LOXSE) de calquera ciclo de grao superior non poderá ser validado cando se achegue a superación do módulo de FOL (LOE) tanto sexa de grao medio como de grao superior, segundo se establece na Disposición transitoria segunda do Real decreto 1085/2020, do 9 de decembro.