
O alumnado matriculado no IES Rosalía Mera pode solicitar oficialmente, antes da finalización do curso académico correspondente, o traslado de matrícula para cursar as mesmas ensinanzas de FP nun centro educativo ou nun réxime diferente daquel en que formalizasen a súa matrícula.
REQUISITOS para solicitar traslado de matrícula
- Só procederá a admisión de solicitudes de traslado de matrícula nos seguintes casos, que se deberán acreditar documentalmente:
- Doenza grave de carácter físico ou psíquico, tanto da alumna ou do alumno como de familiares ata o primeiro grao de consanguinidade ou afinidade.
- Incorporación a un posto de traballo mediante un contrato de duración superior a dous meses, que impida cursar de xeito presencial os estudos no centro onde se estea matriculado.
- Cambio de residencia a diferente localidade do pai, da nai ou da persoa que exerza a titoría legal, con quen conviva a persoa solcitante, ou do interesado no caso de ser maior de idade.
- Só se permiten traslados de matrícula dentro do mesmo réxime, ou do réxime ordinario ao réxime para as persoas adultas.
CASOS NOS QUE NON SE ADMITE O TRASLADO DE MATRÍCULA
Durante o período oficial de matriculación
- Cando a alumna ou alumno perdesen no centro de orixe o dereito á avaliación continua.
- Cando a alumna ou alumno proceda de renuncia ou causase baixa no ciclo formativo
- Non se tramitarán traslados no derradeiro mes do curso, nin no derradeiro mes anterior ao comezo do período ordinario de realización do módulo de FCT, durante o 2º curso do ciclo formativo no réxime ordinario.

Procedemento de traslado de matrícula
A alumna ou alumno presentarán a solicitude de traslado no centro onde soliciten ser admitidas, indicando documentalmente as causas que xustifican a súa petición e atendendo aos modelos que se poden descargar nos seguintes enlaces:
Se non existen prazas vacantes ou non están xustificadas as razóns do traslado, a dirección do centro resolverá negativamente. En caso contrario, a dirección do centro solicitado requeriralle ao centro de orixe a seguinte documentación:
- Certificación académica oficial
- Informe de avaliación individualizado da titora ou titor do ciclo formativo que está a cursar o solicitante
- Certificación da dirección do centro de orixe de non ter perdido o dereito á avaliación continua
- Copia das programacións dos módulos profesionasi do curso para o cal se solicite o traslado e informe sobre o seu desenvolvemento.
A dirección do centro solicitado resolverá sobre a petición de traslado no prazo máximo de 10 días naturais, con base na documentación recibida e informe da titora ou titor do curso correspondente do seu centro.
Contra esta resolución, a alumna ou alumno poderá interpor recurso de alzada no prazo máximo dun mes ante a xefa ou xefe territorial da Consellería de Educación e Ordinación Universitaria.