Traslado matrícula

 

O alumnado matriculado no IES Rosalía Mera pode solicitar oficialmente, antes da finalización do curso académico correspondente, o traslado de matrícula para cursar as mesmas ensinanzas de FP nun centro educativo ou nun réxime diferente daquel en que formalizasen a súa matrícula.

 

 

REQUISITOS para solicitar traslado de matrícula

  • Só procederá a admisión de solicitudes de traslado de matrícula nos seguintes casos, que se deberán acreditar documentalmente:
    • Doenza grave de carácter físico ou psíquico, tanto da alumna ou do alumno como de familiares ata o primeiro grao de consanguinidade ou afinidade.
    • Incorporación a un posto de traballo mediante un contrato de duración superior a dous meses, que impida cursar de xeito presencial os estudos no centro onde se estea matriculado.
    • Cambio de residencia a diferente localidade do pai, da nai ou da persoa que exerza a titoría legal, con quen conviva a persoa solcitante, ou do interesado no caso de ser maior de idade.
  • Só se permiten traslados de matrícula dentro do mesmo réxime, ou do réxime ordinario ao réxime para as persoas adultas.

 

CASOS NOS QUE NON SE ADMITE O TRASLADO DE MATRÍCULA

  • Durante o período oficial de matriculación
  • Cando a alumna ou alumno perdesen no centro de orixe o dereito á avaliación continua.
  • Cando a alumna ou alumno proceda de renuncia ou causase baixa no ciclo formativo
  •  Non se tramitarán traslados no derradeiro mes do curso, nin no derradeiro mes anterior ao comezo do período ordinario de realización do módulo de FCT, durante o 2º curso do ciclo formativo no réxime ordinario.

 

  Procedemento de traslado de matrícula

 

A alumna ou alumno presentarán a solicitude de traslado no centro onde soliciten ser admitidas, indicando documentalmente as causas que xustifican a súa petición e atendendo aos modelos que se poden descargar nos seguintes enlaces:

 

Se non existen prazas vacantes ou non están  xustificadas as razóns do traslado, a dirección do centro resolverá negativamente.  En caso contrario, a dirección do centro solicitado requeriralle ao centro de orixe a seguinte documentación:

  • Certificación académica oficial
  • Informe de avaliación individualizado da titora ou titor do ciclo formativo que está a cursar o solicitante
  • Certificación da dirección do centro de orixe de non ter perdido o dereito á avaliación continua
  • Copia das programacións dos módulos profesionasi do curso para o cal se solicite o traslado e informe sobre o seu desenvolvemento.

 

A dirección do centro  solicitado resolverá sobre a petición de traslado no prazo máximo de 10 días naturais, con base na documentación recibida e informe da titora ou titor do curso correspondente do seu centro.

 

Contra esta resolución, a alumna ou alumno poderá interpor recurso de alzada no prazo máximo dun mes ante a xefa ou xefe territorial da Consellería de Educación e Ordinación Universitaria.