Reclamacións

Atendendo ao artigo 20º da Orde do 30 de xullo de 2007, o alumnado, as nais, pais ou, de ser o caso, quen dispoña da súa titoría legal, poderán reclamar, ante a dirección do centro, contra as decisións e as cualificacións que se adopten como resultado dos procesos das avaliacións finais.


Partindo da idea de que con antelación á presentación da oportuna instancia é aconsellable pedir aclaracións ao profesorado que imparte docencia no módulo profesional obxecto da posible reclamación, as características xerais do proceso  de reclamación son as seguintes: 

Quen pode reclamar? 

O alumnado, os pais, as nais ou, de ser o caso, quen exerza a súa titoría legal.
 

A quen vai dirixido?

Á dirección do centro.
 

Que se reclama?

A decisión e as cualificacións que se adopten como resultado dos procesos de avaliacións finais
 

En que aspectos se pode basear a reclamación?

  • A avaliación que se levou a cabo non foi adecuada aos obxectivos, contidos e criterios de avaliación recollidos na correspondente programación didáctica.
  •  Os procedementos e os instrumentos de avaliación aplicados foron inadecuados, segundo a programación didáctica.
  • Non foi correcta a aplicación dos criterios de avaliación establecidos na programación didáctica para a superación dos módulos profesionais.
 

Como se presenta a reclamación?

Por escrito ante a dirección do centro segundo o MODELO XXI (pincha para descargalo)
 

Cal é o prazo para presentar a reclamación?

Máximo de dous días lectivos a partir daquel en que se produza a comunicación da cualificación final ou da decisión adoptada.
 

En canto tempo se resolve a reclamación?

O proceso de valoración da reclamación resolverase  nun prazo máximo de cinco días naturais, incluída a comunicación ao alumnado, contados a partir do día seguinte ao da presentación da reclamación.