Requisitos para solicitar a exención FCT
- O alumnado deberá estar matriculado previamente nun centro docente autorizado para impartir ensinanzas conducentes ao título do ciclo formativo correspondente (como é o caso do IES Rosalía Mera)
- Deberá acreditar unha experiencia laboral correspondente ao traballo a tempo completo dun ano, relacionada cos estudos profesionais respectivos. No caso de contratos a tempo parcial, os días de cotización deberán ser equivalentes a un ano a tempo completo.
Cando hai que solicitar a exención do módulo FCT?
Hai que formalizar a solicitude de exención polo menos 20 días hábiles antes do inicio das actividades programadas para o módulo de FCT.
Tipo de exención da FCT?
Poderá ser total ou parcial, dependendo da corresopndencia que haxa entre a experiencia acreditada e os contidos do módulo formativo de FCT
Documentación a presentar na Secretaría do IES Rosalía Mera:
- Solicitude (Modelo anexo XV, de acordo ao artigo 42 da Orde 12 de xullo de 2011 pola que se regula o desenvolvemento, a avaliación e a acreditción académica do alumnado das ensinanzas de FP inicial) á dirección do centro docente onde estea matriculada a alumna ou alumno.
- Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, ou da mutualidade laboral á que se estivese afiliada, na que conste a empresa, a categoría laboral, ou grupo de cotización e o período de contratación ou, de ser o caso, o período de cotización en réxime especial de traballadores autónomos, ou calquera outro medio de proba admitido en dereito.
- Certificación da empresa na que se indique especificamente a duración do contrato, as actividades desenvolvidas e o período en que se realizaron estas actividades. No caso de traballadoras e traballadores por conta propia, certificación de alta no censo de obrigados tributarios, cunha antigüidade dun ano, así como unha declaración da persoa interesada das actividades máis representativas.
Resolución da exención
O profesorado-titor, en colaboración co equipo docente, e logo dunha da análise da documentación achegada polo alumnado, deberá emitir un informe e unha proposta á dirección do centro sobre a conesión ou non da exención total ou parcial, de ser o caso.
No caso das solicitudes de exención do alumnado do IES Rosalía Mera resolverá a dirección do IES Urbano Lugrís, centro ao que está adscrito.
O acordo da concesión ou non da exención total ou parcial comunicaráselle por escrito á persoa solicitante no prazo de 10 días.