Con motivo da conmemoración do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o IES Rosalía Mera ven de organizar, coa colaboración do seu alumnado, diferentes actividades coeducativas co fin de concienciar á comunidade educativa da necesidade de comprometerse na erradicación da violencia de xénero e de condenar as actitudes, prácticas e condutas que consenten e reproducen as violencias machistas.
Entre as principais actividades que acolle estes días o centro Rosalía Mera cabe destacar o proxecto gráfico: “Voaremos...de Novo”, realizado polo alumnado do ciclo de grao medio de Artes Gráficas.
Outra das actividades realizadas neste centro con motivo do 25N foi a Ciberquedada organizada pola área de Igualdade da Deputación da Coruña, na que participou o alumnado de 1º de FP Básica e durante a cal as alumnas e alumnos tiveron ocasión de debater e achegar as súas reflexións sobre as diferentes situacións de violencias machistas que se dan diariamente nas redes sociais.