Inaugúrase en 1956 como obra social, FOGAR CALVO SOTELO, da Excma. Deputación Provincial da Coruña.
Desde os comezos impártense estudos de Formación Profesional Industrial non oficial nas disciplinas de Mecánica, Madeira e Artes Gráficas. Os destinatarios son novos, en situación familiar precaria por falta de algún dos proxenitores ou dos dous ou por situación económica difícil da familia. A Deputación Provincial facíase cargo destes nenos, adolescentes-novos e velaba polas súas necesidades tanto materiais como de formación.
No curso 1964-65, o Centro é autorizado a impartir a Oficialía Industrial e en setembro de 1968 a EGB de xeito condicionado. Entre un ensino e outra se matriculaban 320 alumnos. En 1974 apróbase o Centro Residencial e en 1975 ten lugar a transformación e clasificación definitiva en Centro Homologado de Formación Profesional de Primeiro e Segundo Grao podendo impartir nel as ramas de Metal, Madeira e Artes Gráficas.
Desde a data da súa creación en setembro de 1956, o Colexio experimentou unha importante transformación modernizándose e adaptándose ás diversas reformas e pautas emanadas das Institucións educativas, sendo na actualidade un centro de referencia de Formación Profesional en Galicia..jpg)