INGLÉS PROFESIONAL (MP0156 e MP0179)
O obxectivo deste módulo transversal de 60 h do primeiro curso do ciclo formativo de grao medio (MP0156) e do ciclo formativo de grao superior (MP0179) é que o alumnado desenvolva activamente a competencia comunicativa en inglés necesaria para desenvolverse con eficacia en situacións persoais, académicas e, especialmente, profesionais relacionadas co seu perfil de formación. Así mesmo, pretende favorecer a empregabilidade, a mobilidade internacional e a capacidade para comunicarse en contornas laborais cada vez máis plurilingües e multiculturais. A aprendizaxe contextualízase nas situacións habituais do sector profesional correspondente a cada ciclo formativo.
En función do grao do teu ciclo, APRENDERÁS A
- Comprender información oral e escrita relacionada co teu sector profesional.
- Comunicarte en inglés coa clientela, empresas provedoras, persoal traballador do mesmo negocio e outros profesionais en situacións habituais da contorna laboral.
- Redactar e responder correos electrónicos, mensaxes, informes e outra documentación profesional utilizando unha linguaxe clara e axeitada á situación.
- Coñecer e utilizar a terminoloxía técnica estándar propia da túa familia profesional.
- Participar en conversas e presentacións relacionadas coa actividade profesional.
- Resolver incidencias e atender consultas, reclamacións ou solicitudes utilizando estratexias de comunicación eficaces.
- Buscar, interpretar e utilizar información técnica en inglés procedente de manuais, fichas técnicas, normativa e recursos lingüísticos especializados e fiables, empregando estratexias e recursos de tradución como apoio.
- Desenvolverte con pregresiva autonomía e tamén en equipo en contextos profesionais internacionais e multiculturais, respectando as diferenzas lingüísticas e culturais.
- Mellorar progresivamente a túa competencia comunicativa e profesional para favorecer a túa inserción laboral e o teu desenvolvemento profesional.

Mostra de tarxetas bilingües de Thanksgiving (Día de Acción de Grazas) feitas polo alumnado como actividade de mediación e intercultural na aula (2025).